jueves, 8 de julio de 2010

Asembleas de Méndez e Toxo

O vindeiro luns, día 12 de xullo, Vigo e A Coruña acollerán sendas asembleas nas que os secretarios xerais de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, e UGT, Cándido Méndez, como acto preparatorio da folga xeral do día 29 de setembro, analizarán a reforma laboral imposta polo Goberno e outras medidas que conforman o plan de axuste do Executivo central.
Pola mañá, os secretarios xerais de UGT e CCOO estarán na cidade olívica. Ás 11.00 horas ofrecerán unha rolda de prensa na sede de CCOO-Vigo (rúa Teixugueiras, número 11, entrechán, Navia). Xa ás 12.00 horas comezará a asemblea no teatro-cine dos Salesianos (rúa Venezuela, número 3) na que tamén intervirán os secretarios xerais de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, e do S.N. de CCOO de Galicia, José Manuel Sánchez; e os máximos responsables de ambos sindicatos en Vigo, José Cameselle (CCOO) e Antonio Juste (UGT).

Pola tarde, está prevista unha asemblea en A Coruña que comezará ás 16.45 horas no salón de actos da Facultade de Informática, emprazada no Campus de Elviña. Nesta intervirán Cándido Méndez e Ignacio Ferández Toxo, xunto con José Manuel Sánchez e José Antonio Gómez e os secretarios xerais de UGT-Coruña, José Carrillo, e CCOO-Coruña, Xosé Manuel Lado.

A presenza en Galicia dos máximos responsables de CCOO e UGT forma parte dun plan de visitas a todas as comunidades autónomas para dirixirse directamente aos traballadores, delegados e cadros de ambos sindicatos, como acto preparatorio previo da folga xeral do 29 de setembro.