jueves, 1 de julio de 2010

Máis de 10.000 persoas déronlle un non rotundo á reforma laboral e os recortes sociais este mércores en Santiago

Máis de 10.000 persoas recorreron este mércores as rúas compostelanas e dixéronlle ao Goberno central que “Así non”, rexeitando rotundamente a reforma laboral e os recortes sociais impostos e os que pretenda realizar no futuro. A manifestación saíu da Alameda compostelana, recorreu varias rúas do ensanche de Santiago para rematar na Praza de Praterías onde interviñeron os secretarios xerais de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, e do S.N. de CCOO de Galicia, José Manuel Sánchez.
Esta manifestación foi o primeiro paso de cara á folga xeral que terá lugar o día 29 de setembro. É o pistoletazo de saída para un conxunto de mobilizacións e asembleas nos centros de traballo de cara a esta folga que lle vai dar un non rotundo á reforma laboral e aos recortes sociais impostos polo Goberno central.

A manifestación de hoxe celebrouse dun xeito parello con outras mobilizacións e actos que CCOO e UGT van celebrar no resto de España.

Os secretarios xerais de CCOO e UGT criticaron duramente unha reforma que non servirá para crear emprego; que non reducirá a dualidade do mercado laboral e aumentará a temporalidade; facilita e abarata o despedimento; reforza o poder empresarial para modificar unilateralmente as condicións de traballo; debilita a negociación colectiva; e privatiza a xestión do desemprego, ampliando o campo de actuación das empresas de traballo temporal aos sectores de risco e ao emprego público.

En definitiva, o Goberno puxo o poder do Estado ao servizo de quenes esixen “flexibilidade” no mercado de traballo e, aínda así, consideran esta reforma insuficiente porque en realidade non queren máis flexibilidade, quérena toda.

A reforma forma parte dunha secuencia de medidas que xa se abriu co plan de axuste que rompía dous grandes acordos en materia retributiva para os empregados públicos o co propio Pacto de Toledo, conxelando as pensións. Veu a reforma laboral. E agora o Goberno volve a insistir na necesidade de reformar o sistema público de pensións e non se pode esquecer que están pendentes os Orzamentos xerais do Estado de 2011. UGT e CCOO témense que as contas públicas van ir pola vía do axuste social e pregúntase se se atreverán a tocar o gasto en educación ou o sanitario.

Hai que reducir o déficit pero con outros prazos máis amplos e é necesario recuperar a vía impositiva polo camiño do ingreso e non do gasto. Con esta finalidade tanto CCOO como UGT propoñen recuperar os impostos de Patrimonio e Sucesións; a creación de novos mecanismos que reforcen a progresividade fiscal; o endurecemento fiscal do capital e das grandes fortunas; redeseñar a fiscalidade das Sociedades de Investimento de Capital Variable (SICAV); combater a economía mergullada e a fraude fiscal; o incremento do IVE aos bens de luxo; a creación dunha taxa específica ao sector financeiro; e o establecemento dun imposto a transaccións financeiras internacionais.

Por todo isto, UGT e CCOO inciden en que esta mobilización foi só o primeiro paso cara unha folga xeral coa que se pretenden modificar tanto a reforma como todas aquelas medidas lesivas para os traballadores e demandar unha saída xusta e equilibrada a esta crise.