martes, 9 de noviembre de 2010

110.000 persoas puxéronlle a guinda a unha xornada de folga seguida por máis do 80 por cento dos traballadores de Galicia

110.000 persoas manifestáronse hoxe con UGT e CCOO en diferentes manifestacións e concentracións olas principais vilas e cidades de Galicia. Para as organizacións sindicais, trátase do colofón a un "día histórico", pois a folga xeral que convocaron as dúas organizacións acadou un seguimento do 82,15 por cento.


Os traballadores galegos recorreron as rúas de A Coruña, Ferrol, Santiago, Riveira, Lugo, A Mariña, Ourense, Pontevedra, Vigo e Arousa e concentráronse nas vilas de Lalín e Cee baixo o lema "Así, non ¡rectificación xa!".
Vigo acolleu o acto central ao contar coa participación dos secretarios xerais de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, e do S.N. de CCOO de Galicia, Xosé Manuel Sánchez. Na cidade olívica foron máis de 70.000 as persoas que saíron ás rúas convocadas polos dous sindicatos.
Desde CCOO e UGT salientan que se trata dun "día histórico" debido ao 82,15 por cento de participación na folga xeral. A convocatoria tivo un especial seguimento en sectores como recollida de lixo e limpeza viaria, transportes públicos, portos e aeroportos, sector naval, automoción ou comercio e hostalería.
Ambos sindicatos destacan que o éxito da folga non é merito das organizacións convocantes, é sobre todo dos traballadores que fixeron súa a proposta de UGT e CCOO. O traballo sindical realizado nos últimos meses, a través dunha ampla campaña informativa e o traballo empresa a empresa, da un resultado que se reflicte no seguimento xeral da folga e nas principais empresas galegas que se atopan nestes momentos en situación de paro.
Este é o caso de empresas tan significativas como PSA-Vigo, Navantia, Alúmina Aluminio San Cibrao, Zara Loxística, Frinsa do Noroeste, Unisono Solucións, GKN Driveline, GPSB Galfor, Cespa ou Vitrasa, entre outras.
Co aval deste masivo apoio, UGT e CCOO reclaman a rectificación das políticas antisociais do goberno Zapatero, comezando pola reforma laboral que abarata o despedimento, aumenta a temporalidade, ameaza a negociación colectiva, recorta os dereitos dos traballadores e non crea emprego; e seguido pola retirada do Plan de axuste, restablecendo os dereitos dos pensionistas, empregados públicos e persoas en situación de dependencia, mantendo o investimento público.
Os dous sindicatos esixen tamén o mantemento da negociación colectiva como marco de protección das condicións de traballo, fronte ao intento de individualizar as relacións laborais, a continuidade do sistema público de pensións como eixe do sistema de protección social, e a aplicación dunha política fiscal baseada na progresividade e na equidade, e non en xestos ou concesións á galeria.
Ambos sindicatos amosan o convencimento de que este 29 de setembro é o primeiro peldaño cara un futuro mellor e para conseguir un xiro democrático das políticas do Goberno. O contrario sería unha irresponsabilidade por parte dun Executivo que se amosaría xordo e cego ante o clamor popular.