viernes, 27 de agosto de 2010

A Reforma Laboral do Goberno da resposta aos grupos máis conservadores e amplía o poder empresarial en detrimento dos dereitos dos traballadores

Para UGT, o texto final do proxecto de lei de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo, que debateu esta semana a Comisión de Traballo e Inmigración do Senado, é produto das negociacións do Goberno cos grupos máis conservadores da cámara, recorta os dereitos dos traballadores, facilitando, abaratando e axilizando os despedimentos, e amplía o poder empresarial. Os sindicatos consideran que o texto deste proxecto de lei significa o maio ataque aos dereitos laborais noa últimos 30 anos e constata submisión do Goberno aos poderes económicos. Este atropelo social fai máis necesaria se cabe a Folga Xeral convocada para o vindeiro 29 de setembro, cuxo principal obxectivo debe ser parar esta reforma.


Do mesmo xeito que ocorreu en xullo no Congreso dos Deputados, a votación definitiva na Comisión de Traballo e Inmigración do Senado sobre o proxecto de lei de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo fíxose sobre un texto que empeora o proxecto de Lei, porque avanza na desregulación de dereitos laborais, propicia un despedimento máis fácil, rápido e barato e aumenta o poder empresarial.
No prazo de presentación de emendas do Senado, que terminou o 12 de agosto, a maioría dos partidos mantiveron as modificacións que propuxeron no Congreso dos Deputados, e que alí non saíron adiante. Pola súa banda, ERC e ICV presentaron sendas propostas de veto, que foron rexeitadas.
UGT considera, xa que logo, que o texto da reforma é produto das negociacións do Goberno cos grupos máis conservadores da cámara e segue significando o maior ataque aos dereitos laborais nos últimos 30 anos. Denota, ademais, a submisión do Goberno aos poderes económicos.
O texto do Senado, en liña co aprobado polo Congreso, facilita ás empresas a extinción do contrato por razóns económicas, técnicas, organizativas e produtivas, facendo o despedimento máis fácil, rápido e barato; non aborda a loita contra a excesiva temporalidade, fai máis vulnerable o emprego fixo; e dota de maior poder discrecional ao empresario en prexuízo da negociación colectiva, dereito fundamental recoñecido na nosa Constitución como instrumento de ordenación das relacións laborais.
Aválase tamén a legalización das axencias privadas de colocación con ánimo de lucro, atribuíndolles competencias propias dos Servizos Públicos de Emprego e, en lugar de incentivar e reconducir as políticas activas, prevalece a política de sanción e a infracción ás persoas desempregadas, ao reducirse o período que teñen para rexeitar ofertas, de 100 a 30 días.
Xa que logo, esta reforma á carta das posicións máis neoliberais, profunda na desregulación laboral, aposta por unha competitividade baseada na redución dos custos empresariais á conta dos dereitos dos traballadores e non axuda ao necesario cambio do modelo produtivo, imprescindible para enfrontar os problemas reais da economía e do emprego. Un modelo produtivo que impulse o emprego de calidade, a formación e a innovación.
O aprobado polo Senado co voto favorable do PSOE, Entesa Catalá de Progrès e Grupo Mixto, a abstención de CIU e PNV e o rexeitamento do PP, fai máis necesaria que nunca a Folga Xeral do 29 de setembro.