sábado, 19 de junio de 2010

Artigo de Xosé Antonio Gómez en Xornal de Galicia: Os traballadores, espidos ante unha reforma lesiva e estéril

O Goberno doblegouse definitivamente ás presións da gran patronal, dos especuladores e dos mercados financeiros, que por certo, por se alguén se olvidou, son os que maior responsabilidade teñen nesta crise. Os traballadores van ver como a súa situación contractual empeorará e o acceso a un novo traballo, tanto para os que xa están no mercado laboral como para os que accedan a el por primeira vez, será en condicións máis precarias.
Esta reforma fai o despido máis fácil e máis barato, co que a CEOE consegue o seu principal obxectivo. Xeneraliza o contrato de 33 días de indemnización por despido improcedente e 20 polo procedente pero, ademais, o fondo de garantía salarial pagará 8, de modo que para a empresa quedará en 12 días. Ademais, o Goberno abre a vía para que a maioría dos despidos improcedentes pasen por procedentes con 20 días de indemnización tamén para os contratos indefinidos vixentes, de modo que a reforma ó final do proceso lévanos ó contrato único.
No noso país agora mesmo temos 4,5 millóns de parados, ata onde chegarán cun despido libre e a prezo de saldo?
Nós sabemos que non vai haber saída da crise cunha estratexia económica de recorte social, de recorte de investimento e de recortes laborais. Todo o contrario, esta folla de ruta o que vai provocar é un endurecemento da situación económica actual, un atraso da recuperación e vanse tirar pola borda os esforzos e sacrificios que ven facendo a sociedade española nos últimos meses.
Por si fora pouco, outro dos obxetivos dos que queren esta reforma é acabar ca negociación colectiva. Que as empresas poidan descolgarse dos convenios colectivos, en canto a flexibilidade horaria e salarios, o que supón un duro golpe ós dereitos dos traballadores, a costa de ampliar o poder do empresario para impoñer as súas condicións, e sen ningunha contrapartida en materia de dereitos laborais colectivos.
Todos somos conscientes da gravidade da situación económica que estamos a vivir pero as receitas que se están a aplicar son totalmente sesgadas e inxustas porque afectan soamente ós traballadores, pensionistas e persoas máis necesitadas, facéndonos á maioría dos cidadáns doblemente vítimas da crise.
A reforma laboral, acompañada dos recortes aos empregados públicos, das propostas feitas polo Executivo en xaneiro sobre o sistema de Seguridade Social, a conxelación das pensións ou as limitacións ao desenvolvemento da Lei de Dependencia son un bó exemplo disto.
Estas non son as medidas máis axeitadas para sembrar o camiño cara a saída da crise.
O que urxe no noso país é unha reforma fiscal que permita aumentar os ingresos e facer máis xusto e solidario o sistema, recuperando os impostos de patrimonio e sucesións, equilibrando a aportación das rendas de traballo e capital e combater a fraude fiscal e a economía mergullada. O sistema fiscal deste país si está pedindo unha reconstrución a gritos, cunha estratexia fiscal a longo prazo, e este país tamén está pedindo a gritos un pacto polo crecemento e o cambio de modelo produtivo e non unha violación flagrante dos dereitos dos traballadores e do Estado de benestar que tanto nos custou construír entre todos a partir da instauración da democracia.
As receitas que está aplicando o noso Goberno non son diferentes das que puso en marcha o FMI, noutros tempos e noutros países, que pretenden levarnos, en definitiva, a un adelgazamento do Estado para que sexan outros os que tomen as rendas e convertir o modelo de sociedade europea de benestar no negocio duns poucos.
Europa é vítima dunha implacable ofensiva neoliberal para debilitar os estados, a democracia, desregularizar o mercado de traballo e estreitar o modelo de Estado de benestar.
Contra os recortes laborais e sociais imos plantar cara como sempre fixemos, ninguén nos pode dicir que os sindicatos fósemos responsables, pero ante este recorte de dereitos, que sen dúbida tratarán de que continúe coas pensións, a negociación colectiva e a cobertura de desemprego imos dar resposta. E o facemos cunha serie de accións que culminarán o 29 de setembro ca folga xeral nun contexto de mobilizacións en toda Europa.