martes, 29 de junio de 2010

Tribuna La Voz de Galicia: José Antonio Gómez e Xosé Manuel Sánchez Secretarios xerais de UGT-Galicia e do S.N. de CC.OO. de Galicia

Mobilizacións por unha saída xusta e equilibrada da crise


       O noso país xa pasou a formar parte do club dos elixidos en Europa, subindo ao carro da implacable ofensiva neoliberal para debilitar os Estados, a democracia, desregularizar o mercado de traballo e estreitar o modelo de Estado de benestar. O Goberno dobregouse definitivamente ás presións da gran patronal, dos especuladores e dos mercados financeiros que, casualmente, son os que maior responsabilidade teñen nesta crise pero os que menos están pagando por iso. Contrariamente, son os traballadores, con recortes sociais, salariais e mingua dos seus dereitos, quen a están a pagar.
       Aínda que todos somos conscientes da gravidade da situación económica que estamos a vivir, tanto UGT como CC.OO. consideramos que as receitas que se están a aplicar son totalmente sesgadas e inxustas, facéndonos á maioría dos cidadáns dobremente vítimas desta crise. A reforma laboral, a medida máis recente que vén de adoptar o Executivo é, quizais, a gota que colmou o vaso e coa que definitivamente o Goberno puxo o poder do Estado ao servizo de quen esixen «flexibilidade» no mercado de traballo que, aínda así, non están contentos e piden máis.
       CC.OO. e UGT consideran que a reforma laboral non servirá para crear emprego; non reducirá a dualidade do mercado de traballo e aumentará a temporalidade; facilitará e abaratará o despedimento; reforza o poder empresarial para modificar unilateralmente as condicións de traballo; debilita a negociación colectiva, facilitando ás empresas a adopción de medidas de descolgue salarial e a non aplicación de compromisos adquiridos previamente nos convenios colectivos, e privatiza a xestión do desemprego.
       Consideramos que este non é o camiño máis axeitado para saírmos dunha crise e que esta reforma non vai pasar á historia como a solución aos problemas do mercado de traballo deste país. Todo o contrario, vai abrir novas vías para acentuar as lacras xa existentes a día de hoxe, sobre todo a precariedade laboral.
Neste contexto, cómpre apostar por unha Europa máis social e non dobregada ás forzas dos mercados. UGT e CC.OO. apostamos por unha política que reduza o déficit público pola vía dos ingresos, por unha planificación dos obxectivos do déficit do Pacto de Estabilidade e Crecemento da UE en prazos compatibles coa reactivación económica e a creación de emprego, e pola retirada da reforma laboral -aquí o Parlamento ten a pelota no seu tellado-. Hai que seguir defendendo a negociación colectiva como marco de protección das condicións laborais, o sistema público de pensións, e traballar nunha nova política fiscal que reforce a estrutura de ingresos do Estado.
       Esta conxuntura obrigou a CC.OO. e UGT a convocar en todo o Estado unha folga xeral para o día 29 de setembro. Mentres, está aberta unha vía de mobilizacións que este mércores, día 30, se vai concretar nunha gran manifestación á que están chamados a participar todos os cidadáns galegos en Santiago. Porque consideramos que esta crise debe ter unha saída xusta e equilibrada.