martes, 29 de junio de 2010

UGT e CCOO chaman á cidadanía galega a participar na manifestación do día 30 en Santiago contra a reforma laboral e os recortes sociais


A manifestación, que abre o camiño a asambleas nos centros de traballo e outras mobilizacións de cara á folga do 29 de setembro, sairá ás 20.00 horas da Alameda compostelana

 

Santiago, 28 de xuño de 2010. Os secretarios xerais de UGT-Galicia e o S.N. de CCOO de Galicia, José Antonio Gómez e José Manuel Sánchéz, respectivamente, presentaron hoxe ante os medios de comunicación en Santiago a manifestación que terá lugar o vindeiro mércores, día 30, na cidade compostelana e que sairá ás 20.00 horas da Alameda para rematar na Praza de Praterías.

Tamén fixeron un chamamento á participación da cidadanía galega nunha manifestación que é o primeiro paso de cara á folga xeral que terá lugar o día 29 de setembro. É o pistoletazo de saída para un conxunto de mobilizacións e asembleas nos centros de traballo de cara a esta folga que lle vai dar un non rotundo á reforma laboral e aos recortes sociais impostos polo Goberno central.
A manifestación do día 30 será parella a outras mobilizacións e actos que UGT e CCOO van celebrar no resto de España.
O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, criticou duramente unha reforma que non servirá para crear emprego; que non reducirá a dualidade do mercado laboral e aumentará a temporalidade; facilita e abarata o despedimento; reforza o poder empresarial para modificar unilateralmente as condicións de traballo; debilita a negociación colectiva; e privatiza a xestión do desemprego, ampliando o campo de actuación das empresas de traballo temporal aos sectores de risco e ao emprego público.
En definitiva, o Goberno puxo o poder do Estado ao servizo de quenes esixen “flexibilidade” no mercado de traballo e, aínda así, consideran esta reforma insuficiente porque en realidade non queren máis flexibilidade, quérena toda.
Gómez apuntou que a reforma forma parte dunha secuencia de medidas que xa se abriu co plan de axuste que rompía dous grandes acordos en materia retributiva para os empregados públicos o co propio Pacto de Toledo, conxelando as pensións. Veu a reforma laboral. E agora o Goberno volve a insistir na necesidade de reformar o sistema público de pensións e non se pode esquecer que están pendentes os Orzamentos xerais do Estado de 2011. UGT témese que as contas públicas van ir pola vía do axuste social e pregúntase se se atreverán a tocar o gasto en educación ou o sanitario.
O Sindicato insiste en que hai que reducir o déficit pero con outros prazos máis amplos e é necesario recuperar a vía impositiva polo camiño do ingreso e non do gasto. Con esta finalidade UGT propón recuperar os impostos de Patrimonio e Sucesións; a creación de novos mecanismos que reforcen a progresividade fiscal; o endurecemento fiscal do capital e das grandes fortunas; redeseñar a fiscalidade das Sociedades de Investimento de Capital Variable (SICAV); combater a economía mergullada e a fraude fiscal; o incremento do IVE aos bens de luxo; a creación dunha taxa específica ao sector financeiro; e o establecemento dun imposto a transaccións financeiras internacionais.
Por todo isto, UGT e CCOO chaman á cidadanía galega a participar na manifestación do día 30 en Santiago, que sairá ás 20.00 horas da Alameda.