miércoles, 29 de septiembre de 2010

Os datos das seis da mañá mostran o apoio masivo á folga xeral, secundada polo 80% das traballadoras e traballadores

Os datos de seguimento da folga xeral actualizados ás seis da mañá sinalan o éxito da folga xeral. A convocatoria, realizada por Comisións Obreiras e UGT, foi seguida en Galicia polo 80% das traballadoras e traballadores. Os datos de participación poñen de relevo o rexeitamento do conxunto dos traballadores e traballadoras de Galicia coa reforma laboral e coas políticas de axuste impulsadas polo Goberno español.A quenda de noite transcorreu con normalidade e sen incidentes destacables. A folga rondou sempre o 80% nas principais vilas e cidades, así como, nas grandes empresas, co que se superan os resultados de participación da folga de 2002.


A convocatoria tivo especial seguimento, con cifras próximas ó 90%, nos aeroportos da Coruña e de Santiago de Compostela, nos portos —como o exterior da Coruña e o pesqueiro de Vigo—e en empresas como Cespa (na Coruña e Bergondo), Repsol (A Coruña), Caramelo (A Coruña), Zara Logística (Arteixo), Pull&Bear Logística (A Coruña), ADIF (A Coruña), Renfe Operadora (A Coruña), Navantia (Ferrol e Fene), Alcoa Inespal (A Coruña), Ferroatlántica (Arteixo), Citroën (Vigo), servizos de recollida do lixo en diferentes núcleos de poboación como Ourense ou Vilalba, empresas da construción (Granisa, Recsa, Lignotoc...) e locais de hostalaría.

O seguimento da folga chegou ao 100% no sector de recollida do lixo e na práctica totalidade das primeiras quendas de noite da industria pesada —automóvil, naval—, así como, en empresas do sector da construción.

Tamén cómpre destacar, en relación aos medios escritos, que a segunda cabeceira de Galicia, o Faro de Vigo, non será distribuída hoxe por mor da folga, e o mesmo acontecerá con publicacións como La Opinión ou Xornal de Galicia. Tampouco se pode esquecer que outras cabeceiras chegarán aos puntos de venda con versións reducidas.

CCOO e UGT reclaman, polo tanto, a rectificación das políticas antisociais do goberno Zapatero, comezando pola reforma laboral que abarata o despedimento, aumenta a temporalidade, ameaza a negociación colectiva, recorta os dereitos dos traballadores e traballadoras e non crea emprego; e seguindo pola retirada do plan de Axuste, restablecendo os dereitos dos pensionistas, empregados e empregadas públicos e persoas dependentes, mantendo o investimento público.

Os dous sindicatos esixen tamén o mantemento da negociación colectiva como marco de protección das condicións de traballo, fronte aos intentos de individualizar as relacións laborais, a continuidade do sistema público de pensións como eixe do sistema de protección social, e a aplicación dunha política fiscal baseada na progresividade e na equidade, e non en xestos ou cencesións á galería.