miércoles, 29 de septiembre de 2010

UGT-Galicia amosa o seu malestar ante a decisión do TSXG e considera que desestimar a suspensión cautelar dos servizos mínimos vai supor limitar o dereito á folga de moitos traballadores galegos

UGT-Galicia amosa o seu malestar ante a decisión que ven de adoptar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de desestimar a solicitude de suspensión cautelar dos servizos mínimos en educación e CRTVG. Para o Sindicato, isto vai supor limitar o dereito á folga de moitos traballadores galegos destes sectores.

O razoamento realizado pola Sala do devandito Tribunal, que UGT-Galicia acata pero non comparte, parte da premisa de que a xustificación ofrecida pola Xunta é suficiente. Pero, sobre todo, parte do erro, ao noso xuízo, de quequedan sen determinar os danos e prexuízos que se producen ao non facer efectiva a suspensión solicitada por UGT.
Para o Sindicato, os prexuízos causados polos servizos mínimos impugnados para os traballadores afectados son moi claros. Nin máis nin menos que ter que renunciar a exercer un dereito fundamental como é o dereito á folga.
Dende UGT-Galicia insistirase, unha vez máis, xa no procedemento na necesaria anulación dos decretos impugnados, nos extremos indicados, xa que o Sindicato considera que na posible colisión de dereitos fundamentais sempre debe atenderse a criterios de flexibilidade.
Hai que lembrar que a impugnación realizada polo Sindicato amparábase no auto ditado o 19 de xuño de 2002 polo propio TSXG, e que foi ratificado posteriormente pola Sala do Supremo, que deixaba sen efecto os servizos mínimos impostos naquel momento pola Administración galega para a folga xeral do 20 de xuño de 2002. UGT-Galicia considera que este era o criterio axeitado, recurrir a fixar servizos mínimos en base ao funcionamento habitual dun domingo.
UGT-Galicia reitera que nos decretos fixados pola Xunta confúndense o que son servizos esenciais, aqueles que é indespensable ofrecer para garantir os dereitos fundamentais da cidadanía, con servizos mínimos.
O Sindicato incidiu moito na necesidade dunha suspensión cautelar porque unha sentenza despois do día 29 de setembro no reparaa a privación de exercer o dereito á folga daqueles cidadáns dos sectores afectados.
Lembrar que aínda está pendente o auto referido á suspensión cautelar do Decreto que regula os servizos en sanidade.