lunes, 27 de septiembre de 2010

UGT-Galicia impugna ante o TSXG os servizos mínimos en sanidade, educación e CRTVG

UGT-Galicia impugnou o pasado venres ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia os servizos mínimos decretados pola Administración galega nos sectores de sanidade, educación e CRTVG por considerar estes servizos abusivos e que vulneran o dereito fundamental á folga que teñen os traballadores galegos.

Esta impugnación ampárase no auto ditado o 19 de xuño de 2002 polo propio TSXG, e que foi ratificado posteriormente pola Sala do Supremo, que deixaba sen efecto os servizos mínimos impostos naquel momento pola Administración galega para a folga xeral do 20 de xuño de 2002.
UGT-Galicia considera que a Xunta confunde o que son servizos esenciais, aqueles que é indispensable ofrecer para garantir os dereitos fundamentais da cidadanía, con servizos mínimos.
No relativo a sanidade, UGT entende que, para garantir o dereito fundamental, é suficiente con fixar os servizos propios de urxencias, é dicir, os dun domingo ou festivo. Sobre todo, porque non se pode esquecer que se trata dun só día de folga e ó día seguinte reanudarase a actividade normal e cotidiana nos servizos de consultas porpios dun día de diario.
En educación, a ausencia do exercicio da mesma durante un día, UGT entende que en ningún momento se pode considerar que vulnere un dereito fundamental. E, no relativo á CRTVG, hai que subliñar que uns servizos mínimos que garantan a emisión con "produtos enlatados" e informativos de curta duración, só durante un día, para nada vulnera tampouco o dereito da cidadanía a recibir información.